Español Contacto Mapa web

Federación Galega de Baloncesto

Benvida do presidente

Benvidas e benvidos ao portal web da Federación Galega de Baloncesto.

Asumido o compromiso da Xunta Directiva que presido por coñecer de cerca os problemas do baloncesto en Galicia e avanzar cara ao establecemento dunha estratexia de sustentabilidade para a FGB, práceme presentarche esta ferramenta de comunicación bidireccional que nos permitirá desenvolver todo o potencial do baloncesto galego, tanto como deporte como a través do seu importante labor social.

A Federación renóvase por dentro e por fóra, e faino nun ano especial para todos os que formamos e formaron parte desta institución: neste 2008 cúmprense 25 anos do nacemento da Federación Galega de Baloncesto.

Para afrontarmos con garantías o novo reto, partimos dun proceso sólido e fundamentado de revisión identitaria, que establece un marco de coherencia para os importantes pasos que é preciso dar para levar o baloncesto galego ao nivel dos seus tempos.

Esta nova ferramenta aspira a se converter no espazo de relación dos deportistas, seareiros, adestradores e colexiados para que se poidan poñer en común experiencias, inquedanzas e preocupacións que contribúan a xerar unha comunidade virtual arredor do deporte do baloncesto en Galicia.

Grazas por seguir a xogar connosco.

Francisco Martín Micó
Presidente da Federación Galega de Baloncesto

© Federación Galega de Baloncesto 2007