
MONCHO LÓPEZ
“Un adestrador nunca deixa de aprender, e se pensa que o sabe todo está no camiño de empobrecerse” 23/04/2008Moncho López (Narón, 1969), actual técnico da selección Portuguesa absoluta, ex seleccionador español e, a pesares da súa xuventude, adestrador con moitas e grandes experiencias no baloncesto de elite, conversou con nós. As súas reflexións sobre a formación dos adestradores, o traballo diario neste deporte, o panorama actual do Basket en Galicia e o seu reto portugués permiten coñecer un pouco máis a un dos grandes valores do noso Baloncesto.
Cales son os principais motivos para ter aceptado o reto portugués?
Fundamentalmente as "saudades" que eu sentía de voltar a traballar cunha selección. E tamén o desexo persoal de colaborar cunha Federación que sempre alabou e respetou o meu traballo.
Que porcentaxe de posibilidades de clasificarse para a fase final do Eurobasket outorga ao seu combinado?
É imposible falar en termos de porcentaxe, pero estou convencido de que a clasificación sendo difícil é posible. Nos últimos cincuenta anos Portugal xogou unha vez a fase final do Eurobasket, e é precisamente a xeración actual a que acadou ese logro, eu tentarei que o equipo manteña o nivel competitivo.
Cal considera que é o plan de preparación axeitado dunha selección de cara a unha cita importante? Cal pode ser o factor clave dunha concentración de cara ao éxito final?
Unha cousa por encima de todo: coalición, é decir, cohesión do grupo humano. Na planificación e preparación do equipo, para min un aspecto esencial, máis alá de aspectos técnicos, é o de convertir un combinado de individualidades nun equipo que xoga coas mesmas motivacións e compromiso que tería un conxunto de clube.
Basket Galego
A súa prensenza en Portugal manteno preto da terra e así pode seguir ao miúdo a actualidade do noso baloncesto.
Como ve o panorama actual do basket galego?
Equipos como Basket Coruña ou Gestibérica de Vigo están producindo unha rexeneración de ilusións importante e poden convertirse en modelos exemplares. No caso do equipo coruñés, de cómo crear unha estructura sólida que garantice un traballo de canteira axeitado con posibilidades de crecemento integral dos mozos, e no caso da escuadra Viguesa unha demostración de que a suma de coñecemento empresarial e deportivo pode acadar grandes resultados. Un evento tan consolidado como a Vilagarcía Basket Cup ou a sensibilidade actual da Federación Galega respecto ás seleccións autonómicas son bos síntomas de que estamos no camiño de que a Galiza volte a destacar como unha rexión volcada no traballo de formación.
Nesa liña que comenta, a Federación Galega de Baloncesto vén de acometer unha renovación identitaria e de imaxe. Que lle parece este cambio?
Duas palabras: Im - presionante. Agora en serio, unha demostración de modernización, que estou seguro tamén ten o seu reflexo a nivel de organización de portas para dentro.
Entón,que aspecto lle falta ao baloncesto galego para dar o golpe definitivo e asentarse?
Creo que se falamos de basket de elite é evidente que temos que estar orgullosos dos resultados dos equipos femininos. O que sucede é que sempre empregamos o prisma da liga ACB como reflexo dun basket com saúde. O probable regreso do Breogán á liga ACB xenerará moita atención mediática, e sería magnífico que o "caso Obradoiro" rematase como todos desexamos.
Formación técnica e Baloncesto de Base
Considera que en Galicia son suficientes os centros e as escolas deportivas de baloncesto de base?
Non. Eu gostaría de ter millóns máis. Pero o importante non é a cantidade, senón a calidade, e temos grandes centros de formación como Peleteiro, San Narciso, Cidade de Lugo ou Ademar de Vigo. Coruña será un sitio de referencia en pouco tempo. É fundamental recuperar grandes escolas como Ferrol e Ourense.
E os adestradores de baloncesto de Base, teñen unha formación axeitada?
Depende de eles mesmos. Sí, se acuden aos cursos oficiais coa motivación axeitada. Os clinics poden ser un complemento perfecto pero, ademais, é preciso moito traballo de estudo propio.
No ámbito galego, que tipo de actividades pode levar a cabo a Federación Galega de Baloncesto para acadar que, de xeito definitivo, os adestradores se impliquen e acudan en gran número aos clinics, xornadas de formación, charlas técnicas, etc?
Esixencia de rigor académico a alumnos e profesores nos cursos oficiais é para mín o aspecto fundamental da formación dos técnicos. Desde a Federación Galega habería que garantir o nivel dos adestradores-profesores. Tamén é importante estudar as demandas formativas de cada delegación e poder facer clinics ou actividades técnicas "á carta" que motiven aos adestradores de cada área xeográfica determinada.
Reflexións persoais
Un adestrador, deixa algunha vez de aprender sobre o baloncesto?
Nunca. Xamais. E se pensa que xa o sabe todo está no camiño de empobrecerse e involucionar como técnico.
No día a día, que procura captar de cada xogador de cara a súa aprendizaxe como adestrador?
Moitas cousas a nivel técnico e de fundamentos as aprendes dos teus propios xogadores. A experiencia competitiva a nivel profesional tamén se enriquece grazas á observación das tomas de decisión dos xogadores en situación límite.
Cal é, ao seu xuízo, a maior virtude de adestrar como seleccionador? E a de adestrar a un equipo de xeito continuo?
As dúas situacións son boas, incluso se poden simultanear. Eu non teño unha preferencia especial, e síntome afortunado de ter experiencia con clubes e combinados nacionais.
Gusta da literatura deportiva? que texto ou libro recomendaría e por que?
Gusto moito da literatura en xeral. De xénero deportivo recomendaría varios; a adestradores de formación un libro que se chama "En nombre de mi libertad, ¡Dejadme jugar!" de Denis Boisclair. A toda persoa que traballe con deportistas "Psicología del entrenamiento deportivo" de Buceta, e a todo aquel que guste de combinar lectura e deporte "Fútbol a sol y sombra" de Eduardo Galeano.
Cales considera que foron os seu maestros no mundo do baloncesto?
Tiven a sorte de traballar con grandes compañeiros desde os meus inicios, Luis Ruibal, Miguel Madesa, Loureiro, pero o adestrador máis importante para mín é Ricardo Hevia.
© Federación Galega de Baloncesto 2007