
seleccións FEB
Presenza galega nas diferentes categorías Sub das Seleccións Españolas 20/07/2010Numerosos xogadores e xogadoras galegas, así como adestradores e persoal técnico da nosa Comunidade, forman parte dos equipos que durante os meses de xullo e agosto representan a España nos diferentes campionatos de Europa e Mundiais.
O primeiro destes en voltar cunha boa nova foi o Vicepresidente da Federación Galega de Baloncesto e Delegado da mesma en Ourense, Armando Álvarez, que formou parte da primeira Selección Española que neste verán se fai cunha medalla nun Europeo: a Selección Masculina Sub 20.
Nun partido moi duro, que precisou unha prórroga para resolverse (79 - 86 final ante Croacia), a selección U20 masculina logrou colgarse un bronce que supón a primeira medalla do verano para o baloncesto español e a primeira dunha selección con presenza galega.
A boa nova para o noso representante e para o total da Selección Española Masculina U20 encabeza unha lista de posibles trunfos en seleccións que contan con galegos e galegas nas súas filas. Éstas, ás que desexamos a maior da sortes, son as seguintes:
Selección U20 feminina: en Letonia atópase esta selección afrontando un Europeo que se estenderá ata este domingo, 25 de xullo, e que vive, en primeira persoa, a xogadora do Universitario de Ferrol, Marta Tudanca.
A andaina do equipo que dirixe Lucas Mondelo iniciouse de xeito positivo este luns, con contundente vitoria ante Bielorrusia no seu primeiro partido da rolda de clasificación. Na xornada de hoxe (13.00h) terán unha segunda cita ante Lituania.
Selección U18 Masculina: este xoves 22 de xullo iniciará a súa participación no Europeo U18 (Lituania) coa participación, dentro do seu cadro técnico, como adestrador axudante, do ferrolán Antonio Pérez, adestrador do Básquet Coruña en Adecco Prata 09 - 10. Precisamente na terra de Pérez, Ferrol, o combinado U18 dirixido por Ricard Casas realizou o inicio da súa preparación para afrontar con garantías o campionato de Europa.
Selección U18 Feminina: catro son os representantes galegos nesta selección, que terá en Eslovaquia, entre o 29 de xullo e o 8 e agosto, o seu Europeo. Encabezados polo seleccionador, Miguel Méndez, estarán as xogadoras de Celta Indepo e Ensino, Marina Delgado e Claudia Calvelo, respectivamente. A súa vez, completa este bloque, o médico Fernando Zapata e o preparador físico das categorías inferiores do Celta de Vigo, Mario Muñoz.
Selección U17 Masculina: o adestrador ourensán Diego Ocampo foi o encargado de guiar a esta selección a cal participou no Mundial da súa categoría no que resultou, finalmente, 10ª clasificada.
A Selección U17 Feminina conta coa prensenza de Leire Carrascosa. A xogadora do Celta de Vigo compite nun combinado dirixido por Víctor Lapeña e que afronta, en Francia dende o pasado día 16 de xullo, o Mundial, competición que disputan coa condición de vixentes campioas de Europa U16 baixo o brazo.
Selección U16 Masculina: Manolo Aller, como adestrador axudante, e Cuco Rodríguez, na tarefa de preparador físico, forman parte do cadro técnico da Selección U16 masculina, a cal afrontará o seu Europeo en Bar (Montenegro) entre o 5 e o 15 de agosto.
Selección U15 feminina: o "Torneo de la Amistad", unha competición non oficial, serviu como un paso máis no labor de formación deste bloque de xogadoras U15 entre as que estivo traballando este mes de xullo, con notables resultados, Rebeca Navarro (Celta de Vigo)
Categorías de Formación
No apartado da Formación e Detección, o Gabinete Técnico da Federación Española de Baloncesto celebrará, como ven facendo dende hai 16 anos, a concentración dos talentos máis novos do Baloncesto Español.
Esta cita, que terá lugar entre o 2 e o 8 de agosto, terá tamén carácter galego grazas a participación de diferentes xogadores, xogadoras e técnicos que, seguramente, vivirán unha experiencia completamente enriquecedora.
Os nomes escollidos pola FEB son os seguintes:
Selección U12 Feminina: Xiana González (xogadora do María Auxiliadora) e Mariña Penedo (seleccionadora galega minibasket feminina na temporada 2009 - 2010).
Selección U12 Masculina: Suso Cobián (C.B. Airexa Nigrán) e os xogadores Álvaro Gómez (COB) e Juan Castro (Baloncesto Base Pontevedra).
A Selección Masculina Sub 20 celebrando o seu bronce (Foto: FIBA/Europa)
© Federación Galega de Baloncesto 2007