Galego Contacto Mapa web

Federación Galega de Baloncesto

Noticias

formación

A participación no II Congreso Galego de Baloncesto avanza a bo ritmo 02/03/2010

- O vindeiro luns, 8 de marzo, remata o prazo para solicitar a inscrición, a cal é completamente de balde e dá dereito, aos 100 primeiros inscritos, a compartir un xantar gratuito de traballo.

- A FGB validará a participación na primeira xornada (15 de marzo) deste II Congreso Galego de Baloncesto por 8 horas de formación continua para os alumnos da Escola Galega de Adestradores.

O bo ritmo de inscrición e participación está a marcar os días previos ao II Congreso Galego de Baloncesto que a Federación Galega de Baloncesto celebrará na Coruña os vindeiros 15 e 16 de marzo. Nestas datas, no salón de actos do INEF de A Coruña, reuniranse en torno a esta cita un  conxunto de relatores moi implicados co Baloncesto e as súas diferentes áreas.

A realidade do Baloncesto Feminino en Galicia, así como o Deporte da Canastra en Idade Escolar  e, xa no plano estreitamente deportivo, os fundamentos dos adestramentos por obxectivos, entre outros, centrarán os debates e coloquios ao longo de dúas completas xornadas.

Os relatores que colaborarán coa Federación Galega de Baloncesto nesta cita veñen encabezados, entre outros,  polo Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, o ferrolán Antonio Pérez, adestrador do Leyma Básquet Coruña, ou polo prestixioso Catedrático de Psicoloxía da  Universidade Autónoma de Barcelona, Jaume Cruz Feliu.

A Federación Galega de Baloncesto oferta así, completamente de balde para todos os que desexen asistir, unha oportunidade de debater e compartir experiencias con destacados expertos como o  profesor Feliu, o cal ten participado na súa traxectoria en más de 80 traballos que versan sobre aspectos da iniciación deportiva (motivación, asesoramento psicolóxico a deportistas e árbitros, etc).  

Así mesmo, e consciente do valor formativo da experiencia, a Federación validará a participación na primeira xornada
(15 de marzo) deste II Congreso Galego de Baloncesto por 8 horas de formación continua para os alumnos da Escola Galega de Adestradores que se atopen realizando os cursos de nivel 1 e nivel 2.

Igualmente, a Universidade da Coruña, de acordo coa FGB, outorgará un crédito de libre configuración aos seus alumnos que participen de xeito íntegro en ambas as xornadas do Congreso (15 e 16 de marzo).

Inscrición
Todas as persoas interesadas en formar parte desta cita aínda teñen a oportunidade, ata o vindeiro día 8 de marzo,  de formalizar a súa inscrición. Poderán facelo achegando o formulario de inscrición por mail (eventos@fegaba.com), FAX (981566066) ou en persoa á Federación Galega de Baloncesto.  


© Federación Galega de Baloncesto 2007