Español Contacto Mapa web

Federación Galega de Baloncesto

Noticias

tecnificación

O CTO achégase á comarca do Barco de Valdeorras 28/01/2010

O Centro de Tecnificación da Delegación en Ourense (CTO) trasládase este domingo, 31 de xaneiro, á Comarca do Barco de Valdeorras. 

Para esta nova xornada do CTO están convocados todos os rapaces e rapazas desta Comarca, de entre 8 e 18 anos, conten ou non con licenza federativa.

O Polideportivo de Calabagueiros (Avenida de Galicia S/N), no Concello do Barco, acollerá este domingo, 31 de xaneiro, unha nova convocatoria do Centro de Tecnificación da Delegación en Ourense da FGB, actividade encabezada polo adestrador superior e director técnico da Delegación, Carlos Osvaldo Gómez.

Esta nova parada xeográfica do CTO ao longo de toda a provincia de Ourense expande así a finalidade principal do mesmo:  mellorar a formación tanto dos xogadores e xogadoras como dos adestradores e adestradoras ourensás a través de aspectos de técnica e táctica individual distribuídos en estacións de traballo e quendas horarias segundo a idade.

Neste caso, entre as 11.00 e as 13.00,  está programado o traballo orientado aos xogadores e xogadoras de categorías preminibasket e minibasket (de entre 8 e 12 anos) e, xa en horario de tarde, entre ás 16.30h e as 18.00 h, están citados os participantes de categorías infantil e júnior (de entre 13 e 18 anos).

Participación aberta
A Delegación en Ourense, dende a súa intención de achegar a formación técnica en baloncesto a todos os rapaces e rapazas da comarca do Barco de Valdeorras, convida a participar este domingo a todos aqueles xogadores e xogadoras, con ou sen licenza federativa, que desexen formar parte do traballo que se leva a cabo no CTO. 

Neste senso, e consciente da importancia de expandir a información sobre a súa labor no centro, xa informou da actividade polos diferentes centros educativos dos concellos da Rúa, Barco, Villamartín de Valdeorras, Rubiana e Carballeda de Valdeorras.

Colaboradores do CTO  no Barco
Tamén como convidado procedente desta zona, a Delegación contará  este domingo coa colaboración especial dunha figura estreitamente vinculada ao Baloncesto da Comarca do Barco. Estamos a falar do adestrador do Club Femenino Barco, José Luis Gómez Álvarez, o cal participará activamente, mañá e tarde, dos exercicios e actividades que se lle trasladen aos participantes.

Así mesmo, e como parte da súa formación práctica,  os adestradores da delegación  que están a realizar os cursos de primeiro e segundo nivel da Escola Galega de Adestradores formarán tamén parte do plantel de colaboradores que o domingo visitarán o Barco.


© Federación Galega de Baloncesto 2007